16-03-2022 Previsel analiza os novos riscos laborais emerxentes xurdidos pola pandemia

  • >> O 15º Salón da Prevención e Seguridade Laboral abriu hoxe as súas portas contando coa participación activa de todos os axentes involucrados na prevención
    >> Aos tres piares básicos de prevención, seguridade e saúde únense agora outros conceptos como o benestar organizacional

Previsel abriu esta mañá as portas da súa 15ª edición logo de non terse celebrado nos últimos dous anos por mor da pandemia. Precisamente esta pandemia é un dos fíos condutores do programa de actividades do Salón da Prevención e Seguridade Laboral que se celebra ata mañá xoves en Expourense. As condicións laborais de moitos traballadores mudaron nestes dous últimos anos provocando á incorporación definitiva ao vocabulario laboral conceptos de conceptos como teletraballo, de eventos híbridos, de riscos psicosociais, a conciliación laboral e familiar ou da necesidade de ventilar correctamente o espazo de traballo... Esta situación conleva novos riscos laborais emerxentes e os profesionais deste sector traballan agora por garantir a prevención, a saúde e a seguridade laboral neste novo contexto tal e como quedou patente no amplo programa de xornadas técnicas e obradoiros de formación especializada en prevención que está ofrecendo Previsel durante estes dous días.

A 15ª edición de Previsel foi inaugurada esta mañá nun acto conducido polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, no que participaron a directora do ISSGA, Aldea Quinzá-Torroja; o concelleiro de Seguridade Cidadá de Ourense, Telmo Ucha; a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández.

Ao clásico triple eixo de todo plan de prevención (prevención, saúde e seguridade laboral), a directora xeral de Relacións Laborais incorporou o termo de “benestar organizacional”, a través do cal as empresas non só deben apostar pola prevención de riscos, senón tamén asumir compromisos tendentes á procura do benestar das persoas traballadoras con medidas encamiñadas á protección da saúde, á promoción da solidariedade interna, á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, á inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e á conciliación da vida familiar e persoal. Empresas comprometidas co benestar organizacional son compañías nas que, tal e como destacou Mancha, xeran un clima de confianza e mellora a motivación e, polo tanto, o rendemento e a calidade do traballo. 

Pola súa parte, o concelleiro de Seguridade Cidadá de Ourense, Telmo Ucha, lembrou que Ourense é a cuarta cidade máis segura de España (informe da UNESPA) e fixo un repaso polos últimos investimentos realizados para reforzar os recursos humanos e os medios técnicos do Concello en materia de prevención e servizos de emerxencias.

O acto inaugural rematou coa intervención do vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández, quen insistiu na máxima de que “a prevención é o máis nobre protocolo” e destacou a capacidade de Previsel de sensibilizar ás empresas da necesidade de investir en prevención de riscos ou de enfermidades profesionais e promocionar boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e das traballadoras.

Previsel é unha cita única e imprescindible en Galicia que conta coa participación activa e a presenza de todos os axentes involucrados na prevención: administracións, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais, mutuas e servizos de intervención e emerxencias. Conta co apoio do Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia- ISSGA, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e á Deputación Provincial de Ourense polo seu apoio. 

Entre as actividades celebradas nesta primeira xornada destacou a presentación da campaña  do ISSGA “Non te amoles!” que difunde entre as empresas e persoal traballador documentación técnica sobre a prevención de riscos no uso de amoladoras na industria, especialmente nos sectores do metal e na construción. En concreto, incídese na seguridade no uso destas máquinas eléctricas portátiles que se utilizan como ferramentas de corte, esmerilado, lixado, cepillado ou pulido en actividades de carpintería metálica, reparación de vehículos a motor e remolques e de maquinaria e equipos, colocación de elementos metálicos, acadado e colocación de pedra ou en construción naval.

Esta mesma mañá celebrouse tamén a mesa redonda sobre a “Repercusión da calidade do aire interior (CAI) en espazos habitables na saúde e no medioambiente” na que colaboraron distintos colexios profesionais vencellados coa construción e a saúde: Colexios Profesionais de Ourense de Enxeñeiros Técnicos Industriais, do de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas; do de Arquitectura de Galicia e do de Arquitectos Técnicos. Nesta mesa participan tamén membros do Ilustre Colexio de Médicos de Ourense e do ISSGA. 

Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. A C.I.G. organizou un seminario sobre os riscos laborais dos profesionais que traballan con nanomateriais. O sindicato UGT puxo en marcha unha xornada formativa sobre a vixiancia da saúde dos traballadores e as súas implicacións legais. Pola súa parte, CC.OO. abordará  na sesión de mañá xoves papel imprescindible dos delegados en prevención para garantir a saúde dos traballadores.

Cabe destacar ademais que, dende 2015, Previsel é o escenario elixido Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, para organizar as súas xornadas de formación continua na que convocaron a persoal sanitario de toda Galicia e tamén doutras comunidades como Madrid, Euskadi ou Cataluña. Estas actividades inclúen unha exposición de ambulancias procedentes de Madrid ou de Castela e León.

As actividades de hoxe incluíron tamén un simulacro de evacuación do recinto feiral no que colaboraron distintos servizos de emerxencias como os Bombeiros do Polígono de San Cibrao da Deputación de Ourense, do Parque de Bombeiros do Concello de Ourense, TESGALICIA ou de Protección Civil de Ourense e Protección Civil de Barbadás. Tamén participou nesta actividade, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA. 

Entre as novidades desta edición destaca que algunhas destas actividades, como este acto inaugural, se están seguindo en liña para facilitar o acceso a esta formación especializada a aqueles profesionais e centros de formación profesional de Galicia que non puideron acudir ao recinto de Expourense de xeito presencial.


As actividades desta primeira xornada continúan pola tarde coa xornada formativa sobre Boas prácticas en condución e manexo seguro de PEMP (Plataforma Elevadora Móbil de Persoal) organizada pola Fundación Laboral da Construción organiza unha xornada formativa. 

Previsel é tamén o lugar elixido por APETAMCOR (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías) para impartir un curso de manexo preventivo de carretas elevadoras e para abordar os riscos laborais no sector do transporte.
Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade ou a formación sobre dixitación e innovación en riscos laborais ofrecida pola empresa Previsonor.

As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense ou por empresas como Orensanex ou Carrocerías Rodríguez López. 

O acto de clausura de Previsel 2022 será mañá xoves ás 13.30 h. e contará coa participación, entre outras autoridades, do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva.






Imágenes asociadas