Ourense, 17/03/2022.-
Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou esta mañá as portas
da súa 15ª edición consolidado como a única feira especializade en Prevención
de Galicia e conseguindo o obxectivo de fomentar a cultura preventiva entre
toda a sociedade a través dun completo programa de actividades formativas que
conseguiu atraer ata o recinto de Expourense a 2.500 visitas.
O acto de clausura de Previsel serviu un ano máis para
recoñecer o traballo e a colaboración das distintas entidades que integran o
comité asesor do salón e que organizan o programa de actividades e entre os que
se atopan representantes da administración, asociacións empresariais, sindicatos, colexios
profesionais, mutuas e servizos de intervención e emerxencias. Este acto de clausura
conducido polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, contou coa
presenza do director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago
Villanueva, que puxo en valor os esforzos que dende os distintos ámbitos da sociedade se
realizan en prol da prevención e seguridade laboral, así como insistiu en que a
previsión é o mellor medio para garantir a seguridade dos cidadáns e responder
de modo adecuado en caso de riscos colectivos. O director xeral estivo acompañado
neste acto polo delegado territorial e presidente do Comité Executivo de Expourense,
Gabriel Alén Castro; polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense,
César Fernández Gil e pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense,
Marisol Nóvoa Rodríguez.
Nesta segunda e última xornada de Previsel tiveron lugar
actividades que contaron cun gran seguemento de asistentes como foi o caso da
xornada sobre saúde laboral dirixida os delegados de prevención organizada polo
sindicato CC.OO de Galicia.