Previsel celebra a súa maioría de idade posicionado como o gran referente de Galicia en formación especializada en prevención, seguridade, saúde e benestar laboral

>> Medio milleiro de estudantes de Formación Profesional de centros das catro provincias participaron hoxe activamente no programa do Salón da Prevención e Seguridade Laboral que está ofrecendo 50 actividades formativas que estiveron ao completo nesta primeira xornada

Previsel celebra en Expourense a súa maioría de idade convertida no gran referente en Galicia en formación especializada en prevención, seguridade, saúde e benestar laboral. O Salón da Prevención e Seguridade Laboral é a única cita da nosa comunidade centrada neste sector e que sirve de punto de encontro de todos os axentes involucrados na prevención que traballan co mesmo obxectivo: acadar a sinistralidade cero a través da anticipación e a prevención para evitar a intervención dos servizos de emerxencia.

Esta formación especializada xorde dun programa de actividades composto por 50 accións diferentes, o programa máis completo ata o de agora. Estas actividades estiveron ao completo nesta primeira xornada de Previsel xa que, ademais dos profesionais que acudiron pola súa conta, se achegaron ata o recinto ourensán alumnos e alumnas de Centros de Formación Profesional de centros das catro provincias galegas.

A visita do helicóptero do 061, o obradoiro de extinción de incendios da Fundación Laboral da Construción, a exposición de material da BRILAT;  ou o Concurso de Reanimación Cardiopulmonar foron as actividades que maior número de participantes rexistraron. Estes estudantes acudiron a Previsel a participar en actividades concretas segundo a súa formación (emerxencias sanitarias, electricidade, edificación…), pero despois aproveitaron tamén para formarse en primeiros auxilios ou en facer prácticas de RCP impartidos por Cruz Vermella Ourense; en recibir información sobre hábitos saudables no stand da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, ou en probar os simuladores virtuais sobre emerxencias dispoñibles no stand dos centros de FP.

Esta 18ª edición de Previsel foi inaugurada esta mañá nun acto no que participaron a xerente do Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, Adela Quinzá- Torroja; o director xeral de Interior e Emerxencias, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; a vicepresidenta da Deputación provincial de Ourense, Marta Novoa; e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, CEO; Marisol Novoa. Hoxe tamén visitou o salón o director do 06, Román Gómez, que participou no acto de entrega de premios do Concurso de RCP promovido por Tesgalicia no que participou alumnado de FP de toda Galicia.

A xerente do ISSGA, destacou a traxectoria de Previsel que converte a Ourense na capital da prevención e seguridade laboral e subliñou a importancia de contar con citas coma esta para promover unha adecuada xestión da seguridade e a saúde laboral e para difundir o que se fai en Galicia neste eido poñendo como exemplo a “Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027” que, entre outros aspectos, aborda de xeito preventivo novos escenarios laborais e tamén afonda na atención aos riscos psicosociais e ás enfermidades profesionais. Adela Quinzá-Torroja tamén salientou que esta folla de ruta é froito do debate e o consenso unánime cos axentes sociais -organizacións representantes de empresas e sindicatos- que ademais son colaboradores necesarios na súa execución.

Pola súa parte, o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, destacou a importancia de facilitarlle ao persoal que traballa no eido das emerxencias e a seguridade formación continuada e actualizada para o desenvolvemento do seu labor coas máximas garantías para a protección.

A vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense insitiu na necesidade da cooperación público-privada para garantir a sañude e o benestar de todos os trabalaldores. A nota reivindicativa da xornada correu a cargo da presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, quen incidiu na necesidade de actualizar a Lei 31/1995 de Prevención de Riesgos Laborales que con 30 anos está xa desactualizada e non contempla a incorporación laboral plena da muller a todos os eidos produtivos nin as novas tecnoloxías.

No exterior do recinto de Expourense puido visitarse A unidade de drons de rescate da Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA. Tamén participan vehículos de primeira intervención da Deputación de Ourense,  de Protección Civil Ourense e de Barbadás. Tamén se poden atopar vehículos do INEM (entidade homóloga a Tesgalicia) de Portugal, do SUMMA 112 da Comunidade de Madrid e da empresa ourensá Carrocería Rodríguez López.

Nesta primeira xornada, o Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volveu apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Nesta primeira xornada do salón, mércores 12 de marzo, impartirán un seminario sobre a “Recomendacións preventivas contra caídas de altura na colocación de paneis solares en cubertas”. Tamén en colaboración con FREMAP, impartiu hoxe o primeiro dos obradoiros teórico-prácticos sobre a prevención de risco eléctrico en baixa tensión.

Unha das novidades desta edición está a ser a participación de centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación  da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º en emerxencias sanitarias.

Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocaron aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. Hoxe foi o turno das xornadas organizadas por UGT e a CIG. O Sindicato de Enfermería SATSE sumouse tamén ao programa de Previsel organizando varios obradoiros especializados sobre manexo da vía aérea supraglótica ou sobre constantes vitais básicas e avanzadas.

A actividade desta primeira xornada incluíu ademais a mes redonda sobre seguridade en edificación na que participaron representantes dos colexios profesionais vencellados á edificación, ademais do de Medicina e Avogacía.

 

 

 

Polo que respecta a área expositiva, Previsel 2025 conta cunha trintena de participantes entre os que destacan empresas como Global Cardiac Services ou Emergalia ás que nesta edición se sumaron empresas de fora de Galicia como Prevor ou “dulann”. Esta última, empresa irlandesa cuxa sede en España está en Málaga, incorporouse a Previsel participando ademais como entidade colaboradora. Participa ademais a Asociación Española contra o Cancro cun stand informativo.

Previsel 2025 conta co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, ademais de “dulann”.

O horario de apertura do salón de mañá xoves, día de peche, será de 10.00 a 14.00 h.