Previsel 2023 analiza os novos retos en prevención e seguridade laboral

>> Administración, empresas, sindicatos e servizos de emerxencias insisten na necesidade de integrar nos plans de prevención novos conceptos como a perspectiva de xénero, a saúde mental, a ergonomía ou a diversidade interxeracional

>> A 16º edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral ofrece un programa con 30 actividades que estiveron ao completo durante esta primeira xornada

Administración, patronal, sindicatos e servizos de emerxencia analizan en Previsel os novos retos que se lle presentan á prevención é a seguridade laboral reclamando que os novos plans de prevención das empresas integren aspectos como a perspectiva de xénero, a saúde mental, a ergonomía ou a diversidade interxeracional. Todo elo para seguir mantendo o mesmo obxectivo: acadar a sinistralidade cero e evitar a intervención dos servizos de emerxencia. A 16ª edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral abriu esta mañá as súas portas en Expourense para ofrecer un programa de 30 xornadas e obradoiros de formación especializada e que estiveron completas de aforo ao longo de toda a mañá. Estas actividades incluíron ademais a visita do helicóptero de emerxencias do 061 que chamou a atención dos visitantes ao salón.

O acto oficial de apertura contou coa participación da a directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Elena Mancha, quen indicou que “a cultura preventiva xa prendeu nas empresas e nos traballadores, pero temos que actualizala aos novos tempos”. Fixo referencia a necesidade de actualizar a actual Lei de Prevención de Riscos Laborais, que data de 1995, porque non recolle aspectos como a saúde mental (riscos psicosociais) ou a ergonomía, dous tipos de riscos que, ademais, adoitan afectan en maior medida ás mulleres. A necesidade de integrar a perspectiva de xénero foi defendida tamén durante o acto inaugural pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, indicando que “eles sofren e elas desgástanse”. A director xeral de Relacións Laborais falou ademais do borrador da nova estratexia galega de seguridade e saúde no traballo no que están a traballar e que vai incluír os riscos psicosociais e os ergonómicos.

Participaron tamén no acto inaugural estiveron acompañados polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen insistiu na máxima de “a prevención é o máis nobre protocolo” e o tenente alcalde de Ourense, Armando Ojea. Neste acto de apertura estiveron presentes os directores das dúas entidades da Xunta de Galicia vencelladas coa prevención e que son os principais apoios do salón (aos que se suma á colaboración da Deputación de Ourense): o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia-ISSGA e a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Ata mañá ás 14.00 h. Previsel ofrece un completo programa de formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia que teñen o obxectivo de sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades e promocionar boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras. Ao clásico triplo eixo de todo plan de prevención (prevención, saúde e seguridade laboral), o programa de actividades de Previsel inclúe ademais outros aspectos vencellados co benestar dos traballadores promovendo medidas encamiñadas á protección e vixiancia da súa saúde como piar fundamental dos dereitos laborais, a evitar o acoso sexual e fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes ou a previr trastornos músculo-esqueléticos.  

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel estanse a atopar e dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Symalean ou Tecnovida. Unha vez máis, destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

A prevención e a seguridade nos traballos en altura está a ser dos temas máis recorrentes nesta edición con varias actividades teóricas e prácticas. O ISSGA impartiu hoxe o primeiro dos seus seminarios “PRL nos Traballos temporais en Altura. Non caias da escaleira” que incluíu teoría e práctica con arnés e que foi seguido por un cento de asistentes. Estas actividades continúan pola tarde cunha demostración práctica en andamio a cargo da empresa PREVENKING, especializada neste tipo de traballos. Esta mesma empresa, en colaboración con RS Servicios PRL & Work Safety

Solutions imparten dous obradoiros prácticos sobre as ”proteccións colectivas na montaxe de andamios tubulares ou na instalación de liñas de vida. Tamén vencellado cos traballos en altura está a xornada práctica que impartirá mañá a Fundación Laboral para a Construción.

Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. O sindicato UGT celebrou hoxe unha xornada formativa sobre a vixiancia da saúde dos traballadores e as súas implicacións legais. Pola súa parte, na xornada de mañá a CC.OO. abordará “a saúde como piar fundamental dos dereitos laborais” e a A C.I.G. falará sobre “acoso sexual e por razóns de xénero”.

Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, están unha quincena de actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Ademais do seu programa propio colaborarán nas actividades de Previsel impartindo unha obradoiro que mide a calidade da RCP con bonecos conectados a pantalla con telemetría.

Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade; a formación sobre primeiros auxilios comunitarios impartida por Global Cardiac Services, ou a información sobre as carpas de aire presurizado como recurso preventivo e de intervención que correrá a cargo de Protección Civil do Concello de Barbadás.

Tamén está a participar en Previsel, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA. As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense ou por empresas como Carrocerías Rodríguez López.

A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30. O horario de apertura de mañá xoves será de 10.00 a 14.00 h.