>> Administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencia elaboraron un completo programa de xornadas técnicas e obradoiros que se impartirá en Expourense os días 13 e 14 de marzo
>> O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, impartirá un seminario centrado na prevención de riscos nos traballos de manicura e tratamento de pestanas e outro dirixido aos profesionais do sector da auga mineral e termal
>> A formación complétase cun área expositiva na que participan unha trintena de entidades que presentan produtos e servizos vencellados coa prevención
Previsel é a única cita en Galicia centrada en exclusiva na formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. A 17ª edición deste salón celebrarase en Expourense os días 13 e 14 de marzo contando unha vez máis coa estreita colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de intervención e emerxencias que elaboraron un completo programa con máis de 30 actividades que teñen o obxectivo de insistir na necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades promocionando ademais boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.
A 17ª edición de Previsel foi presentada esta mañá por representantes das entidades vencelladas coa súa organización. Participaron o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López; o representante de Tesgalicia, Santiago Moreno Covelo e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Prevor, Mapa Professional ou Mundo Carretilla. Unha vez máis, destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencia.
XORNADAS E OBRADOIROS
Previsel 2024 presenta un completo programa de actividades que inclúen tanto formación especializada dirixida a sectores produtivos concretos como charlas e obradoiros de divulgación xeral en materia de prevención, saúde, seguridade laboral ou primeiros auxilios. O programa conta coa participación de 33 relatores.
O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Na primeira xornada do salón, mércores 13 de marzo, impartirán un seminario sobre a prevención do risco químico nas tarefas de manicura profesional e tratamentos para pestanas en salóns de peiteado e estética. Ao día seguinte, o ISSGA impartirá outra xornada centrada na prevención de riscos laborais en augas minerais e termais.
Como é habitual, a Confederación Empresarial de Ourense, CEO; participará como expositora e ademais impartirá unha actividade en Previsel. A deste ano leva por nome “Grafitiarte” e traballará a necesidade da cultura preventiva a través do grafiti. Outra das entidades que aproveitará a celebración do salón para impartir formación especializada aos seus asociados e a todo aquel que desexe anotarse será a Fundación Laboral da Construción de Galicia que organiza a xornada teórico-práctica “Seguridade en espazos confinados. Riscos, planificación do traballo e procedemento de salvamento”. O xoves 14 en colaboración coa Asociación de Construtores de Ourense, ACO, celebrarán unha xornada sobre as Oportunidades de Emprego no sector da construción. Relacionada con este sector está a mesa redonda sobre a seguridade dende “a fase inicial do proxecto” na que participarán representantes dos colexios profesionais vencellados coa construción (enxeñeiros técnicos agrícolas, arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros industriais).
Outro dos colexios profesionais colaboradores desta edición é o da Avogacía de Ourense que organizou un coloquio sobre a abordaxe da enfermidade do cancro, cómo afecta aos traballadores que o padecen e as súas implicacións legais. Participarán profesionais de sectores como ao xulgado social, a medicina legal ou a forense.
Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. U.G.T. organizou unha xornada sobre a vixiancia da saúde dos traballadores que se impartirá durante os dous días e que inclúe obradoiros prácticos sobre “limpeza e sutura de feridas”; “”aplicación de hemostáticos e torniquetes”; “limpeza e tratamento de queimaduras” e “montaxe e desmontaxe de liñas con auga para a loita contra incendios forestais”. Pola súa parte, a CIG deseñou unha conferencia sobre os riscos sociais e laborais derivados da implantación da Intelixencia Artificial. E CC.OO. abordará a saúde laboral e as enfermidades profesionais nos centros de traballo.
O programa de conferencias complétase coa presentación da “lanza forestal de sobre efecto” e a súa contribución a seguridade dos bombeiros forestais impartida por un técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e coa conferencia sobre sensibilización e descontaminación química fronte a corrosivos e irritantes a cargo da empresa Prevor.
Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, organizarán unha quincena de actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais.
Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella Ourense; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade; ou a información sobre as carpas de aire presurizado como recurso preventivo e de intervención que correrá a cargo de Protección Civil do Concello de Barbadás.
Tamén participará en Previsel, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA. As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense, Protección Civil de Ourense, Protección Civil de Barbadás ou por empresas como Carrocerías Rodríguez López.
Previsel 2024 conta co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.
O horario de apertura do salón será o mércores 13 de marzo de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h. e o xoves 14 de 10.00 a 14.00 h.