>> Calcúlase que o salón recibiu ao redor de 2.600 visitas que participaron nas 30 actividades programadas
Previsel Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou hoxe as portas da súa 17ª edición posicionado como o gran punto de encontro en Galicia de todo os axentes sociais involucrados na prevención conseguindo o obxectivo de fomentar a cultura preventiva entre toda a sociedade a través dun completo programa con máis de 30 actividades formativas que conseguiu atraer ata o recinto de Expourense ao redor de 2.600 visitas que participaron activamente en conferencias e obradoiros prácticos. Tal e como explicou o director xerente durante o acto de clausura do evento “Este salón converteuse no punto de encontro dos profesionais vencellados coa prevención de riscos, pero tamén de traballadores doutros sectores, xa que a seguridade laboral é un elemento transversal que nos compete a todos”.
O acto de clausura de Previsel que tivo lugar este mediodía serviu un ano máis para recoñecer o traballo e a colaboración da trintena de entidades que integran que organizaron o programa de actividades e entre os que se atopan representantes da administración, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais, empresas especializadas e servizos de intervención e emerxencias. Todos eles contribuíron a demostrar que, para acadar o obxectivo de “sinistralidade cero” son básicos os conceptos de anticipación e protección que garantan non só a seguridade do traballador, senón tamén a súa saúde e benestar laboral.
Ademais de ofrecer formación especializada en prevención relacionada con distintas profesións, a seguridade no fogar e persoal foi unha das protagonistas nesta edición. A raíz do tráxico incendio do edificio de Valencia, membros do comité asesor de Previsel como os Bombeiros de Ourense ou Protección Civil de Barbadás organizaron varios obradoiros de manexo de extintores que tiveron un cheo absoluto e que foron seguidos con interese durante as dúas xornadas por centos de visitas.
Entre as actividades celebradas hoxe destacou a presentación da “lanza forestal de dobre efecto” a cargo dun técnico da Consellería do Medio Rural que reuniu a un cento de bombeiros e axentes forestais. Tamén se impartiu hoxe a actividade “Grafitiarte” organizada pola CEO na que os participantes realizaron con grafiti un mural, coa axuda do grafiteiro Dusem sobre prevención mentres recibían formación teórica a cargo dun técnico. Pola súa parte o ISSGA, presentou a súa Campaña “Os cóidate do ISSGA” centrado nos riscos laborais no sector das augas minerais e termais”.
Remata así a primeira cita do calendario feiral de Expourense para o 2024. A seguinte feira será xa a segunda edición do Salón do Vehículo Clásico que se celebrará a fin de semana do 6 e 7 de abril. Por outro lado, esta fin de semana remata a tempada deportiva na pista de atletismo coa celebración do 1º Mitin Internacional Transfronteirizo – 2 países, 1 destino e do Trofeo Ibérico de Atletismo de Probas Combinadas Sub 20 – Sub 18 España – Portugal.