Unha vintena de expertos en prevención e seguridade laboral organizan o programa de actividades de Previsel 2024

A 17ª edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral celebrarase en Expourense os días 13 e 14 de marzo


Ourense, 07.02.24.- Expourense acolleu esta mañá a reunión do comité asesor de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral que celebrará a súa 17ª edición no recinto feiral os días 13 e 14 de marzo. Esta reunión contou coa participación dunha vintena de expertos en prevención que fixeron as súas achegas para completar o amplo programa de actividades que Previsel ofrece en cada edición. Todas as entidades representadas no comité e que representan á administración, empresarios, traballadores, mutuas e servizos de emerxencia, participarán activamente nesta edición programando actividades formativas e mobilizando aos seus membros para que asistan ao evento.

Como é habitual, Previsel ofrecerá información especializada en prevención a través do seu programa de actividades que incluirán conferencias e obradoiros prácticos que terán como obxectivo concienciar sobre a necesidade de formación en seguridade e prevención de riscos ou enfermidades profesionais. O programa completo de actividades será publicado na web do evento www.previsel.com nos vindeiros días.

Por outro lado, Previsel 2024 contará cun área expositiva na que serán presentados produtos e servizos especializados en prevención, seguridade e saúde laboral. A participación nesta cita supón unha boa oportunidade para os profesionais do sector, pero tamén para emprendedores, traballadores, futuros traballadores, para intercambiar experiencias e actualizarse dos últimos avances nestas materias.

A esta reunión, que estivo dirixida polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, asistiron un total de 24 profesionais pertencentes a toda a cadea de axentes sociais involucrados na prevención. Participaron nesta reunión representantes das Xefaturas Territoriais da Xunta de Sanidade e de Medio Rural; de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e FP; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA); do Gabinete de Prevención da Deputación Provincial de Ourense e da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Os colexios profesionais tamén estiveron moi ben representados coa participación de membros dos Colexios Oficiais de Avogados; Médicos; Arquitectos de Galicia; Arquitectos Técnicos; Enxeñeiros Técnicos Industriais; Enxeñeiros Técnicos Agrícolas.

Como é habitual, Previsel conta tamén coa implicación dos tres sindicatos con maior presenza en Galicia. Neste encontro participaron os secretarios da CIG, CC.OO UGT Ourense. Pola súa banda, os servizos de emerxencia estiveron representados por profesionais de Protección Civil de Ourense, Bombeiros de Ourense e da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA. Estes últimos organizarán un programa de actividades paralelo dirixido a persoal sanitario de toda Galicia, xa que apostan pola formación continua.

Este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do ISSGA e do Servizo Galego de Emerxencias e tamén da Deputación Provincial de Ourense, consolídase como a única exposición deste tipo en Galicia e que consegue a implicación activa de todos os axentes vinculados á prevención: administración, empresarios, sindicatos, mutuas, profesionais. asociacións ou servizos de emerxencia entre outros.