>> O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, presidiu a clausura e o acto de entrega de placas ás 30 entidades que colaboraron na realización desta cita única na nosa comunidade
Previsel Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou esta tarde as portas da súa 16ª edición consolidado como a única feira especializada en prevención de Galicia e conseguindo o obxectivo de fomentar a cultura preventiva entre toda a sociedade a través dun completo programa con 30 actividades formativas que conseguiu atraer ata o recinto de Expourense a 2.500 visitas que participaron activamente en conferencias e obradoiros prácticos.
O acto de clausura de Previsel serviu un ano máis para recoñecer o traballo e a colaboración da trintena de entidades que integran que organizaron o programa de actividades e entre os que se atopan representantes da administración, asociacións empresariais, sindicatos, empresas especializadas e servizos de intervención e emerxencias. Todos eles contribuíron a demostrar que, para acadar o obxectivo de “sinistralidade cero” son básicos os conceptos de anticipación e protección.
Este acto de clausura conducido polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, contou coa presenza do director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, que destacou o feito de que este salón reúne os esforzos de todos en seguridade laboral cubrindo dende a prevención previa ata a intervención posterior cando a prevención non foi dabondo. O director xeral estivo acompañado neste acto polo delegado territorial e presidente do Comité Executivo de Expourense, Gabriel Alén, pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa.
Esta 16ª edición contou ademais con presenza internacional a través da presenza da empresa francesa Symalean especializada en software en prevención ou da participación, dentro das xornadas organizadas por Tesgalicia, dun grupo de técnicos sanitarios do Instituto Nacional de Emerxencias Médicas de Portugal.
Entre as actividades celebradas nesta segunda xornada de Previsel cabe destacar o obradoiro sobre traballos en altura con prácticas en andamio organizado pola Fundación Laboral da Construción; o seminario sobre riscos laborais en carpinterías organizado polo ISSGA ou as xornadas formativas organizadas polos sindicatos CC.OO. e C.I.G.
Polo que respecta ás xornadas de Tesgalicia que convocan a técnicos sanitarios de emerxencias de toda Galicia participaron hoxe no obradoiro de defensa persoal impartido pola Fundación Cipri Gomes, xa que este colectivo de profesionais ven denunciando que nos últimos anos son obxecto de numerosas agresións físicas e verbais por parte das persoas que teñen que atender.
Remata así a primeira cita do calendario feiral de Expourense para o 2023. A seguinte feira será xa a quinta edición do Car Outlet Ourense que se celebrará entre o 14 e o 16 de abril e que estará organizada de forma conxunta entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO. Por outro lado, esta fin de semana Expourense acolle o Campionato de España de Atletismo en Pista Cuberta Sub-16 que convocará en Ourense a 500 atletas e as súas familias.